|
As competencias da Secretaría Xeral da Consellaría de Innovación e Industria abranguen, entre outras, o asesoramento e coordinación de todos os servizos da Consellaría, a emisión de informes, a realización de estudos técnicos e xurídicos e a tramitación da remisión dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás súas comisións delegadas, así como a das disposicións e actos administrativos que deban publicarse no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial.
Este departamento asume tamén a representación da Consellaría nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias e a actuación como órgano de comunicación con outras consellarías en materias relacionadas coas súas funcións e competencias.
Por outra banda, é tarefa da Secretaría Xeral a preparación de métodos de organización interna e sistemas de información para a racionalización e mellora dos sistemas de traballo dos servizos da consellería, así como a asesoría técnica, execución, proposta, coordinación e supervisión dos plans de informatización de todos os órganos e unidades dependentes da Consellaría para automatizar, axilizar e mellorar o seu funcionamento. Para estes efectos, encárgase da administración de sistemas, da atención aos usuarios e da súa formación, da definición e cumprimento das políticas de seguridade e protección de datos e da avaliación e coordinación das demandas de desenvolvemento informático das diversas unidades.
|
|